Saturday 27 de April de 2024

Dentro duns días, nova rolada na escola infantil municipal de San Sadurniño


Os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal A Rolada están estes días co corazón nun puño agardando a que se produza un feito extraordinario e, sobre todo, novidoso para a cativería. Esta mesma semana recibiron como agasallo temporal unha incubadora cheíña de ovos da que, se todo vai ben, nuns días sairá outra rolada, neste caso de pitiños e pitiñas. Mentres agardan a que a natureza faga o que ten que facer, as criaturas poderán ir vendo os cambios que se producen dentro da casca para, finalmente, asistir en directo ao nacemento da vida.

A instalación da incubadora foi idea das mestras da escola infantil e de Pedro Castrillón, un veciño de Silvalonga que ten a súa nena no centro. Este luns trouxo o aparello e encheuno con ovos previamente fecundados. A incubadora eléctrica fai as veces dunha galiña choca -ou dunha quica- mantendo unha temperatura sempre constante duns 37.5 ºC e unha humidade próxima ao 60%, condicións ideais para que en 20 ou 21 días os ovos empecen a eclosionar.

Durante ese tempo os nenos e nenas deberán atendelos regularmente -coa axuda das mestras- vixiando que a temperatura non varíe e movéndoos regularmente todos os días para que se logren. De feito, para as crianzas este período de espera e coidados será tamén un xeito de ir familiarizándose con conceptos como o da responsabilidade e a constancia, algo que lles será de moita utilidade ao longo da vida.

O nacemento agárdase para o día 2 de maio e ata daquela os nenos e nenas terán a oportunidade de coñecer as distintas fases de desenvolvemento dos embrións. Esta semana poderán velos dentro da casca grazas a un ovoscopio -un sinxelo aparello que proxecta luz sobre o ovo-, a semana que vén observarán se os pitos medran como é debido e na semana do 25 deste mes xa apreciarán como se moven.

A previsión é pasar os ovos da incubadora á nacedora sobre o día 29 e, a partir de aí, prestar atención ao momento en que, por fin, se produza o milagro da vida diante dos ollos expectantes dos nenos e nenas.